Benvidos ao mundo Rosomil


Benvidos ao mundo Rosomil! Como as vacas, pastamos libres porque esta leira non ten valados. Dende o alto deste monte vese o mar. Ao fondo, coma quen non quere a cousa, arrechéghanse as bateas e penéiranse os percebes. Aquí naceu o Roxo. Non vos fiedes do seu nome, non era asasino senón fragueiro. Tamén nacen as primeiras historias que se oen de neno. Seica son tempos difíciles, así que toca volver ao lar, ao coñecido, ao que vale a pena contar ao pe dunha figueira. Toca recuperarmos os espazos perdidos, aqueles nos que o vento sopra sempre forte. Fai falla volvermos estercar a cultura e o xornalismo deste país cheo de marcos.

Mais tamén é certo que hai que contalo todo, que a historia a medias só é verdade a medias. As árbores de Rosomil naceron despois dunha tala ilegal. Xa se sabe, un xunta catro eucaliptos mal plantados na parceliña herdada do avó e vén un listo e leva todo por diante. E despois, por riba, pasou un incendio que non deixou un fento vivo. Así que nesta leira defenestrada anda agora a medrar un pequeno carballo medorento, si, pero tamén forte e rexo. Un carballo con ideas, vaia tolería, dirán algúns. Esta árbore, contra todo pronóstico, aguantou a seca do verán e poida que medre algúns centímetros no inverno. Agora anda a ver películas, a ler libros, a estudar non sei que de internet… Seica vos é un carballo cultivado.

,

Una respuesta a “Benvidos ao mundo Rosomil”

  1. Qué emoción saber deste carballo na rede! Moito ánimo e folgos para medrar sen máis límite que o ceo. bcos

Deja un comentario